Dúbidas frecuentes

Toda a nosa filosofía pode cambiar porque continuamente cuestionamos as nosas crenzas. Velaí que un apartado de dúbidas, gústenos máis que un de explicacións. 

Aquí contestamos algunhas cuestións de interese para a nosa comunidade, agardamos que sexan do teu interese.


Que gaña ensaia cos proxectos que realiza?

O fin é facer proxectos con valor social. Non hai lucro nin interese económico. Se queres saber máis de nós olla o resto da web. Nacemos como unha comunidade de persoas que buscan, a base de investir tempo, cartos e enerxía, contribuír ás posibilidades da nosa terra dun xeito non político ou lucrativo, senón social e con visión de longo prazo.

Quen financia e como se financian os proxectos?

Os nosos proxectos son creados co fin de aportar valor a Galicia. Financiámonos a través de contribucións da nosa comunidade e dos beneficios das actividades que organizamos.

Calquera pode financiar un proxecto aínda que non damos nada a cambio máis aló de dicir quen os financiou. Para non condicionar os resultados soamente poñemos o nome de quen contribúe, situando á mesma altura a un particular que a unha organización.

Avanzamos sen logotipos e sen subvencións. Queremos contar e dar total liberdade ás persoas que chegan a nos con fin de ser útiles para a nosa poboación aportando valor social e cultural a longo prazo.

Hai nóminas en ensaia?​

O 100% das persoas que fan isto posible, neste momento, o fan de forma altruísta. ensaia é un movemento no que a comunidade soamente dá. Doa cartos, doa tempo, doa recursos ou doa contactos.

Por que hai que pagar nalgúns proxectos?​

Hai proxectos que teñen que ver con terceiros, como «mil futuros», que se desenvolve en centros educativos. Parécenos importantísimo que cando haxa unha entidade ou colectivo colaborador nunha actividade, este faga unha doazón voluntaria e simbólica para mostrar o seu interese e compromiso coa actividade e traballo que facemos. Estes cartos, tamén van integramente destinados a accións sociais.

Quen está detrás de ensaia?

O movemento ensaia está composto por unha comunidade de persoas ao redor dun fin compartido: Galicia. Cremos que no potencial de conectar, apoiar, facilitar e visibilizar traxectorias que impactan positivamente no territorio. Velaí pensar que o mellor modo de facelo é con accións.

De que xeito podo contribuír?

Dende difundindo as nosas iniciativas, ata acudindo ás nosas actividades e, por suposto, con doazóns para a realización dos proxectos.

Como podo formar parte da comunidade?

A comunidade non é un lugar ó que pertencer, senón un movemento ó que sumarse. Podes ler o noso manifesto na web, acudir ós encontros e actividades públicas que facemos e subscribirte ó noso boletín para estar preto. Por suposto, tamén podes contribuír económicamente para aumentar o impacto das nosas iniciativas.

Como xurdiu e quen financiuo o nacemento de ensaia?

Nace da unión de persoas cun fin común centrado en impactar positivamente na seguinte xeración. O comezo foi posible grazas a pequenas doazóns de persoas anónimas con vontade de participar activamente no desenvolvemento social e cultural de Galicia a través de crear unha cultura de xenerosidade.